Sunday 05 de May de 2024

O Campionato de Marcha en Pista de Inverno chega á Pobra no 26 de novembro


A Pobra vivirá unha nova xornada de atletismo co XV Campionato Xunta de Galicia de Marcha en Pista de Inverno da man da Federación Galega de Atletismo (FGA), o Concello da Pobra do Caramiñal e a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza.

A concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra), xunto coa técnica municipal desta área, Ana Romero, e o presidente da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, José Moure, explica que a cita se desenvolverá no 26 de novembro, a partir das 10.30 horas, no estadio municipal da Alta, onde se congregarán aproximadamente 130 atletas que deberán completa-la distancia que estipule a categoría correspondente (sub-10, sub-12, sub-14, sub-16 e absoluta), tanto masculina coma feminina.

Entregaranse medallas conmemorativas a quen acade o podio nas distintas modalidades.

Paralelamente terá lugar un control de marcas para o salto de lonxitude (sub-10 e sub-12 feminino), salto triplo (sub-14 e sub-16 feminino e masculino) e lanzamento de peso (sub-10, sub-12 e sub-14 feminino e masculino).